Acerca de

IGUAIS. EU VOU SER…. EDUCANDO EN IGUALDADE

A idea deste proxecto IGUAIS. EU VOU SER… foi proposta por dúas nais e un pai do CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol. A raíz da proposta de actividades para o Día Internacional das Mulleres, xorde a idea de abordar os prexuízos sexistas cunha exposición fotográfica onde se fagan visíbeis homes e mulleres con profesións tipicamente vinculadas ao sexo contrario. Neste traballo fotográfico contouse coa colaboración de persoas con profesións tan diversas como por exemplo unha muller condutora de autobús, un home matrón, unha muller adestradora dun equipo masculino de baloncesto, un home que fai bolillos,…

Partindo do material fotográfico, se trataba de deseñar diferentes actividades para os distintos niveis educativos. Para iso, o CFR de Ferrol (Centro de Formación e Recursos do Profesorado) solicitou a colaboración do CPI Atios de Valdoviño, do IES Ricardo Carballo Calero e do IES Leixa, de Ferrol.

Se trata dun “proxecto coral”, onde destaca a participación de persoas que prestaron a súa imaxe, nais, pais e docentes. Tratándose da loita pola igualdade todas as mans son poucas e a colaboración entre familia, sociedade e escola é imprescindible. É un traballo conxunto de moitas persoas, que deu como resultado unha proposta didáctica aberta a medrar con actividades variadas que nos permitan acadar os nosos obxectivos.